Estase dando estes días un debate público e universitario entorno ao borrador dun Programa de “transformación á docencia innovadora no SUG” da Xunta de Galicia. Trátase dun documento superficial e pouco maduro, pero que seguramente vai a fomentar un necesario debate sobre o futuro do Sistema Universitario de Galicia (SUG), á luz das leccións aprendidas no período de confinamento. As universidades do SUG veñen de presentar un Plan de impulso e consolidación das competencias dixitais como apoio á docencia presencial no SUG” (curso 2020-2021), que comparte parte dos plantexamentos, inda que cunha aproximación máis prudente e matizada, na que se reafirma a presencialidade e a autonomía das universidades públicas.  

A cuestión parece poralizarse como sempre entre os defensores da universidade pública, entendida como un modelo de aprendizaxe exclusivamente presencial, desde formulacións excesivamente ríxidas nalgúns casos, e os que entenden que a universidade pública debe avanzar cara a un modelo semipresencial (ou incluso non presencial), cunha mirada, nalgunhas das aproximacións, externa, prexuízosa, desconfiada e, as veces, simplista cara a labor da docencia clásica universitaria.

Paréceme que as reflexións máis acertadas están en plantexamentos menos maniqueos, máis matizados, baseados, non en apriorismos ideolóxicos ou en superficiais alegatos á innovación, senón na experiencia do persoal docente e investigador máis comprometido e atento ás transformacións da sociedade. O futuro da universidade pública presencial non nos remite, ao meu xuízo, á elección entre un modelo plenamente presencial ou integramente non presencial, senón en apostar por un sistema que incorpore o mellor de ambos enfoques, partindo do carácter presencial das universidades galegas.

Os profesores que tivemos que dar resposta neste cuadrimestre a esta situación sobrevida plantexada polo COVID, vímonos obrigados a incorporar medios e recursos técnicos cos que estábamos pouco familiarizados e que son máis propios, polo menos ata o momento, da docencia universitaria non presencial. Esta experiencia lévame a facer alguns reflexións, se ben son consciente de que o meu enfoque é parcial, de que as aprendizaxes definitivas deste proceso requiren deixar repousar un pouco máis as cousas, e de que para ter unha visión definitiva temos que analizar con detemento os resultados globais do proceso (precisamos información de calidade), incorporando a experiencia das diferentes titulacións.

A incorporación destes recursos (software para a videoconferencias, gravación de vídeos, realización de probas de avaliación online, bloc de notas para o traballo cooperativo online, etc.) representa toda unha oportunidade para completar e mellorar a calidade da docencia presencial, reforzando, ao mesmo tempo, a capacidade de aprendizaxe autónoma, flexible e colaborativa dos estudantes. Outorgan a posibilidade de reforzar a docencia presencial, para dotala dunha maior profundidade e amplitude e dun carácter máis personalizado, potenciando así os resultados de aprendizaxe.

A incorporación con convicción destes medios e recursos técnicos (e a correspondente capacitación do profesorado) non implica aceptar un modelo non presencial, senón máis ben o contrario. É unha oportunidade, inda que pareza paradóxico, para potenciar e reivindicar a docencia presencial e os seus resultados. É unha oportunidade, inda que pareza paradóxico, para potenciar a docencia presencial e os seus resultados. Igualmente, estos medios técnicos dótannos de recursos para atender, con maior calidade, aos alumnos “intermitentes” que non poden manter de forma continua a intensa presencialidade que esixe un sistema de avaliación continua (por razóns familiares, laborais, etc.), pero que queren desfrutar do maior apoio da docencia presencial universitaria, e que non teñen porque pasar a un sistema non presencial puro (a resposta non pode ser que vaian á UNED). As universidades que asuman este reto e que dispoñan dos medios técnicos necesarios, van poder atender con maior calidade ás diversas necesidades dos seus estudantes e reforzar, en definitiva, a calidade da súa docencia presencial.

A plena incorporación destes recursos técnicos representa toda unha oportunidade para completar e mellorar a calidade da docencia presencial, reforzando, ao mesmo tempo, a capacidade de aprendizaxe autónoma, flexible e colaborativa dos estudantes

Non podemos ignorar unha realidade: todo profesor universitario que implantou con convicción, neste período de confinamento, as TIC dispoñibles ven de comprobar que é posible impartir unha docencia non presencial, si ben non igual,  si bastante similar á presencial (si ben é certo que con moito máis esforzo e dedicación). Neste sentido creo que é preciso escoitar ao estudantado e aos pais e nais, que seguramente, coma nós, sacarían conclusións do confinamento e da súa propia experiencia co sistema universitario. Haberá que avaliar si neste contexto os estudantes e as familias están empezando a ver a docencia non presencial como unha alternativa desexable. Non podemos ignorar a percepción social sobre este proceso, xa que en caso contrario calquera debate ou batalla ideolóxica no plano político-universitario pode volverse estéril co tempo. As universidades farían ben en avaliar neste momento a percepción dos usuarios do noso servizo público, mediante a elaboración de estudos e informes, que vaian máis alá das habituais avaliacións docentes, que nos poden dar información dos fallos desta experiencia, pero non das percepcións dos usuarios presentes e futuros.

Os retos das universidades públicas galegas pasan por aproveitar e manter o potencial insubstituíble da docencia presencial, e reforzalo coa flexibilidade e cos cambios metodolóxicos e da organización docente que permiten os medios e recursos considerados, ata o momento, como propios das universidades non presenciais.

Creo que a estratexia das universidades públicas non debería estar nunha defensa numantina da docencia presencial sen cambios, senón en ser capaz de demostrar á sociedade, non só o carácter insubstituíble e indispensable da docencia presencial, senón tamén a capacidade que teñen as universidades do SUG para potenciar os seus resultados docentes, mediante a plena incorporación das TIC á docencia.

Enrocarse nun modelo clásico de docencia presencial, plantexa riscos de inviable a medio prazo, nun contexto que vai a estar marcado polo previsible reforzamento dunha oferta non presencial de calidade crecente. Con todo, pasar a un modelo exclusivamente no presencial, levaría probablemente a algunhas das nosas universidades públicas á irrelevancia e faríaas prescindibles. Ao meu xuizo os retos das universidades públicas galegas pasan por aproveitar e manter o potencial insubstituíble da docencia presencial, e reforzalo coa flexibilidade e cos cambios metodolóxicos e da organización docente que permiten os medios e recursos considerados, ata o momento, como propios das universidades non presenciais.

A pasada experiencia da adaptación a Bolonia e o conseguinte incremento da dedicación do PDI a funcións administrativas e de xestión da calidade, pode ser un recordatorio do que pode ocorrer si abrazamos irreflexivamente unha estratexia de incorporación das TIC á docencia, que non dote ás universidades do músculo necesario. Máis carga docente, menos investigación e, en consecuencia, perda de calidade do servizo público serían probablemente as súas consecuencias.

Todas estas reflexións so teñen validez se se afrontan as necesidades do Sistema Universitario Galego. En caso contrario as conclusións no poden ser as mesmas. Aproveitar a oportunidade que representa unha  incorporación decidida das TIC a docencia, implica necesariamente dispoñer de máis recursos humanos e técnicos. En caso contrario, seguir o camiño indicado nestas reflexións pode implicar unha maior precarización da docencia e da investigación, debido a sobrecarga de traballo que pode representar para o PDI. A pasada experiencia da adaptación a Bolonia e o conseguinte incremento da dedicación do PDI a funcións administrativas e de xestión da calidade, pode ser un recordatorio do que pode ocorrer si abrazamos irreflexivamente unha estratexia de incorporación das TIC á docencia, que non dote ás universidades do músculo necesario. Máis carga docente, menos investigación e, en consecuencia, perda de calidade do servizo público serían probablemente as súas consecuencias.

Esta idea se reforza si temos en conta que o problema fundamental, ao meu xuízo, do sistema universitario galego é o envellecemento do profesorado (a idade medida do profesorado universitario en España é de 55 anos), froito das políticas de precarización do sector público, desenvolvidas nos últimos dez anos, e aceptadas, en parte, pola sociedade cunha normalidade irresponsable. É precisa unha aposta política decidida pola reforzamento das plantillas do persoal docente e investigador, que equilibre a composición das diferentes xeracións de profesorado (todas as etapas aportan cousas distintas e necesarias), que permita dinamizar a capacidade investigadora e mellorar a calidade da docencia presencial, aproveitando os recursos técnicos dispoñibles e atendendo as futuras demandas sociais. É indispensable en definitiva dotar ás universidades dos medios humanos e recursos técnicos necesarios para afrontar con éxito os retos que nos permitiu albiscar a nosa experiencia docente en tempos de COVID. Tanto non afrontar eses retos, como facelo sin os medios necesarios, pode poñer en risco, a medio prazo, non so a calidade docente e investigadora do SUG, senón a propia viabilidade ddo sistema e da súa indispensable función social.